12.21.2006

Festa urxente na Casa Encantada

Hoxe (quinta feira - xoves) ás 21:00, festa na Casa Encantada. Polo visto toco eu e pon discos o García de Dios ke te Crew, aínda que non se descarta algunha sorpresa máis.


Vémonos alí. Saúde i anarquía

12.19.2006

O Leio, venres 22, 22:30, Adega do Pino, Betanzos

O Leio, ese meu irmán espurio, cantautor galego-portugués, toca na Adega do Pino de Betanzos venres ás 22:30.
Mirámonos alá, que eu tamén vou ver como se lambe.

12.14.2006

Venres 15, libraría andel (Vigo), 20:30

Pois preséntase o monográfico sobre Celso Emilio da Revista Arraianos en Vigo e alá imos montala, con xente de Voces Ceibes e co impresionante García, de Dios ke te Crew, que musicou dous textos de Celso Emilio con base de rap. Eu vou facer unha metamorfose en directo: de Estrellita Castro a C. E. en catro cancións, pasando polos Clash.

Vémonos aló, entón.

11.30.2006

Magosto dos CAF, Praza Campus Sur, xoves 30, 22:00

Pois hoxe facemos magosto (e xa van 5!) o Leio e mais eu, xunta Son do Ghalpón, na praza dos Colexios Maiores do Campus Sur da Universidade de Santiago, aí ás 22:00 h.


Outra volta, esquizoides perdido, facemos un de abreconcertos do outro. El, co seu repertorio de Voces Ceibes, Suso Vaamonde e o Zeca Afonso, e eu coa pukarrada performance de sempre.

Andamos xa metidos de cheo o Regueifeiro e mais eu na produción dese DVD en-liña en que se poderá contemplar paso a paso o proceso dexenerativo de degradación que levo ás costas dende hai oito aniños, a través dunha colección de doce vídeos de actuacións en directo, na tele e nos bares, nomeadamente o concerto do Malas Pécoras, do que meteremos 6 temas.

Xa sabedes, en breve n'A Regueifa Plataforma.

11.20.2006

Especial d'Apologhit

Pois velaquí a que montamos en Apologhit:
http://aregueifa.blogspot.com/2006/11/o-leo-i-arremecaghon-en-polo-ghit.html

O certo é que a montaxe das imaxes é un chisco, como diría, aleatoria, aínda que o son non está nada mal. Algún cacho sacaremos para Sigho (Vivo)!, ese DVD de libre descarga que xa está a cocer na cociña do Regueifeiro.

En breves.

11.16.2006

A Esmorga, Boiro, sábado 18, 00:00

Pois aló imos a Boiro. A última vez que estivemos foi tocando para os adolescentes na carpa da Cultura Circula. Desta volta vaise dar un desdobramento individuo-familiar moi esquizoide: o Leio, irmán espurio do mantedor deste blog, que fai versións da canción de autor galego-portuguesa, vai ser o abreconcertos do punki que vos escribe. Cantará o Zeca, Voces Ceibes e, como non, Compañeiro Daniel, deste home que, en pezas coma a amentada, non lle ten nada que envexar a Woodie Guthrie ou Bob Dylan:

Coma sempre, pois, vémonos alí, nunhas xornadas e concertos pola memoria histórica.

Saúde i anarquía

10.30.2006

Centro Social A Tiradoura 4 de novembro

Pois si, alí habemos estar a tocar. Un concerto que se cadra será xa presentación do novo disco. Xa falta pouco. A portada vaivos ser unha cousa así, pero moito máis sorprendente. A que xa pedides papas:


O da Tiradoura é en Cangas, sábado que vén, e digo eu que será aí pola noitiña, a partir das 22:30 ou así. Con todo, atentos á súa páxina: http://atiradoura.tk

Vémonos alá. Saúde e Anarquía.

10.23.2006

Non só de falta de bolos queda parado un blog

Pois si, malia o subtítulo deste blog, nunca pensei que algo máis ca a escaseza de cuchipandas me impedise actualizalo. Pero así foi. O choio, outros proxectos, etc. Cousas que moitas veces non deixan tempo para abrir nin o contrasinal de Blogger.


Así que imos facer unha listiña para nos pór ao día:
1. Gala de feche de Apologhit (que aínda non botaron e seguramente quede nun caixón porque disque é demasiado "friqui". E logo El Fary no Luar, ¿non?)
2. Celanova, no cabodano de Celso Emilio.
3. Garigolo, no monográfico de Celso Emilio da revista Arraianos, xunta o grandísimo García, de Dios ke te Crew, que musicou con bases de hip-hop xa dous poemas do celanovés.
4. No centro social A Formiga, na estrada de Redondela a Vigo, cun espectáculo novo de versións do Zeca Afonso e Voces Ceibes, como O Leio.
5. Na Centro Cultura do Castiñeiriño, tamén con temas do Zeca e Voces Ceibes, este sábado, aínda que suspendemos porque a chuvia disuadía un bastante e dos 35-50 de costume só viñeron 10. Queda para máis adiante ou para o Magosto, seica.
6. Konzerto de despedida de Puta Miseria.

E até aquí. A verdade é que me pon ben triste que PM se desfaga. Paseino quinindiola tocando con eles por aí adiante. Basicamente foron eles os que me sacaron da miña abulia para buscar concertos e tocar, cousa que non lles podo pagar.

Punk ou morte!

8.25.2006

Sala Mogay e Alto do Furriolo

Esta fin de semana, Arremecághona fai sesión dupla. Sábado 26 á noite, aí polas 22:00, na chantadina Sala Mogay, xunto con Violentos de Kelly. O ano pasado, no Amedo Rock, tamén por estas datas, diante de 25 persoas fixemos un dos mellores concertos da nosa historia. Bo sabor de boca, logo.


E o día seguinte, domingo 27, O Leo i Arremecághona!!! toca na apertura das I Xornadas sobre Represion, Solidariedade e Resistencia Antifranquista na Raia Seca , ao mediodía, no Alto do Furriolo, entre Xinzo e Celanova. Nun xantar popular de homenaxe e lembranza dos fusilados e represaliados do réxime franquista.


Saúde i anarquía.

7.31.2006

Tampouco non son tan raro...

Aquí vos vai unha selección dos meus ilustres cans verdes:

Pau Riba - Trans-pasar


Jonathan Richman - Little Dinosaur/The New Teller


Billy Bragg - A New England


The Moldy Peaches - Lucky Number Nine


Albert Pla - Añoro


Frank Zappa - Color Me Pop


Jeffrey Lewis - Roll Bus Roll


Matisyahu - King without a crown

7.13.2006

Faino ti mesm@

Pois iso, que como son punki, pois en vez de facer camisetas poño os modelos para que os descarguedes se vos presta e os levedes a dona camiseta ou á súa sogra:

PARTE DE DIANTE


PARTE DE TRAS

7.05.2006

Este venres-sexta feira 7 de xullo imos facer o Vagho ao Luar

Pois iso. Vinde, se queredes, alí a bailar pogo de arredor do colchón e a facer o signo da paz con caras de hippies.


Vémonos alí. Hai que estar no Plató 1000 (un chisco máis aló dos Tilos á man dereita) ás 17:00 se queredes participar no corpo de baile.

6.24.2006

Admitidos en A polo Ghit

A Polo Ghit xa admitiu a Cançión do Vagho. Podedes dar a vosa opinión e puntuala, así como ver o vídeo e escoitar e descargar o mp3, aquí



http://apologhit.vieiros.com/ficha.php?id_cancion=50902

No verán, a facer o Vagho.

Mirámonos.

6.21.2006

Cançión do vagho (Give Lazy a Chance)

Aquí vos vai o primeiro sinxelo dese novo disco, Aghomita, campión!, que vai ser ao revés: primeiro sacamos os sinxelos e logho recollémolos nun LP.


Esta performance foi obra d'O Leo, o Pifo (Yoko), o Ramiro (cámara), o Xan (cámara), o Rubio (timbal), o Xosé Carlos (coros), o Chiqui (coros), o Santi (coros), a Ana (coros), a Mari Carme (coros), a Xiana (coros), o Dani (coros), a Lara (apoio moral), a Sara (mediación coa policía) i Arremecághona!!!

E aquí está o tema en mp3:

6.13.2006

Malas Pécoras, xoves 15, 22:30, de balde

Pois si. Tentando aínda superar o malfario do Ambigú e dos pubs composteláns en xeral, vou tocar o xoves nese mítico local que é o Malas Pécoras (na praza que hai tirando costa arriba dende o Tarasca). E non só iso, senón que imos gravar os temas para o DVD en vivo de libre distribución baixo licenza Creative Commons (para publicar n'A Regueifa) Sigho (Vivo)! Así que virme ghuapos/as para saírdes na cámara, ^_^


E namais. Estamos tamén a piques de gravar unha cántigha para canción do verán, Apologhit, nunha cuchipanda quinindiola de muita xente e parodia riquiña e punki do bed in de Lennon e Yoko.

No Malas pasado mañá ás 22:30, logo.

Mirámonos alí

6.07.2006

Reedición de Suspiros de Kaña n'A Regueifa

Suspiros de Kaña, ese meu disquiño que chegou tarde de máis para ser vinilo e demasiado cedo para ser mp3, vén de ser reeditado polo Regueifeiro na primeira discográfica libre na Internet do país, A Regueifa Plataforma.


Doulle as grazas a este noso editor virtual por levar o noso traballo ó seu ser natural: a libre distribución en mp3. De feito, estas 12 cancións e pico levan todos estes anos sen a ¿protección?da SGAE, e tan campantes, e non é ata agora que se acollen á protección das Creative Commons.

E aproveito tamén para vos dar as grazas ós/ás meus/miñas outros/as editores/as, os/as que levades todo este tempo distribuíndome e reeditándome en TDK (o Peixe, o Nano e a Once, en Ghoián), en onda hertziana (Roi e Xosé Otero d'A Canteira de Radio ECCA, Kalimero), en CD (Xurxo de Caldebarcos, o meu verdadeiro e único mánager) e en tradición oral, de viva voz representando as miñas letras e músicas de borracheira, aedos o_léicos (que non homéricos) como o Bruxerismo, de Pontecesures ou o Guille, tamén de Ghoián, que nunca pensei merecer, e inluso mesmo se calhar aínda... ós/ás que algunha vez, aínda que for sen querer, cantaruxastes pola rúa un meu retrouso, ou debuxastes un sorriso mental con algunha das miñas tralladuras.

Pois iso, que... Sigho (Vivo)! ((a)proxima(da)mente).

Saúde i Anarquía

6.06.2006

Ás 6:06:06 PM do 6-6-06

Naçeu. El. Veu ao mundo. Non-nado-de-muller. Nado d'O Corte nas Inghles. O Leíño.

Axudado polos cíborgs -sampleados- non-vivos Arremecághona!!!, Ghumersinda Pérez Sánchez e Ghumersindo Sánchez Pérez, comadroa e comadrón (respectivamente), vén ao mundo.

CARTA ASTRAL
Ha facer rap en ghallegho de ghalleghos que cando van, van coma rosas; cando vén, vén como neghros. Así que medre. Dentro dunha bolsa d'O Corte nas Inglés, O Leíño i Arremecághona!!! Véndese.


Xa está aquí. Seghiremos informando....

GHALIÇIA ÇEIBE, PODER DE SATÁN!


GHALIÇIA ÇEIBE, PODER DE SATÁN!


Saúde i Anarquía

5.30.2006

Suspendido o bolo do venres 2 no Ambigú

Pois, si, seguindo co meu gafe hostaleiro compostelán -no Cachán chovían caldeiros que logo se filtraban polo teito e case se suspende-, suspéndese a do Ambigú, porque despois do feche preventivo de hai un par de semanas, non está o forno para bolos.
Estamos buscando local, en que ademais se vai presentar algo moi especial e no que se vai gravar tamén parte do próximo traballo d'O Leo i Arremecághona!!! Mentres tanto, aí vos vai isto en que salo falando dun letrista caralludo. Mirámonos

5.18.2006

A Cultura Circula, Boiro, e Muiñada de Altofalante, Ribeira

E mañán, venres-sexta feira, ás 13:00, sesión vermú c'O Leo i Arremecághona n'A Cultura Circula en Boiro, no Paseo da Praia Xardín.


E pasado mañán, sábado, na Muiñada da Asociación Altofalante de Ribeira, ás 17:00, nos muíños de Vixán, parroquia de Carreira, concello de Ribeira.

Mirámonos alá!