5.30.2006

Suspendido o bolo do venres 2 no Ambigú

Pois, si, seguindo co meu gafe hostaleiro compostelán -no Cachán chovían caldeiros que logo se filtraban polo teito e case se suspende-, suspéndese a do Ambigú, porque despois do feche preventivo de hai un par de semanas, non está o forno para bolos.
Estamos buscando local, en que ademais se vai presentar algo moi especial e no que se vai gravar tamén parte do próximo traballo d'O Leo i Arremecághona!!! Mentres tanto, aí vos vai isto en que salo falando dun letrista caralludo. Mirámonos

5.18.2006

A Cultura Circula, Boiro, e Muiñada de Altofalante, Ribeira

E mañán, venres-sexta feira, ás 13:00, sesión vermú c'O Leo i Arremecághona n'A Cultura Circula en Boiro, no Paseo da Praia Xardín.


E pasado mañán, sábado, na Muiñada da Asociación Altofalante de Ribeira, ás 17:00, nos muíños de Vixán, parroquia de Carreira, concello de Ribeira.

Mirámonos alá!

Autocrítica do Concerto pola Lingua e Vídeo de Nin mú

Pois xa foi, o IV Concerto pola Lingua do Foro da Mocidade, na véspera das Letras 06. Alí estivemos e así o viu o Regueifeiro:


A crítica
É de çerto rapás de Ponteçesures (que vou manter no anonimato por se non quer saír aquí), un dos meus (autoproclamado) máis ghrandes fans. E créollo ben, porque sabe todos os temas de memoria e na conversa que tivemos despois deume a clave do que carallo levo facendo todos estes anos:
- Todo o mundo se ri de min porque digho parvadas, e ti dis as mismas parvadas enriba dun esçenario, porque todos andan coa normativa para aquí e para alá, pero sólo ti defendes o Kastrapo Paghuer! Eu quero que entendan o que dis e que non sólo se rían do traxe que levas posto, así que xa sei que é difíçil pero tes que evoluçionar un chisco. Se saíses, por ejemplo, sen traxe, vestido normal, xa sería algho novo.
Ten toda a puta razón do mundo, e levo dous días dándolle voltas a isto e xa teño na cabeça o que vou façer a partir do vran. Unha pista:

Ghaliça Çeibe,
poder de Satán!!!

Incidencias
Probei durante case 40 min., e todo a punto, impresionante. Comprei un cable dos pequenos de pedal a pedal para evitar a lea de cables, e cando subo, paff, non soa. Dous minutos de anghustia e tiven que renunciar aos currados efectos de son -simulador de baixo e todo- que fai o Beringher que teño e á ghitarra clásica, que enriqueçe as baladas. Ou sexa, conçerto punkarra pola força outra ves. Pero que mal leiro coa tecnologhía, mi má!

A miña sensación
A pesar do xardín técnico de cables en que me metín nada máis empeçar, o conçerto arrincou con moita força, moi arriba. Mantívose así ata a apariçión estelar do convidado-espontáneo na Cançión do Vagho, e a partir dese tema, a cousa, coa axuda das baladas, ralentizouse e houbo que meter tralla coa versión dos Rollings, Non teño un can no peto, e a Maruxa para levantar o choio, que xa nunca acadou o nivel de intensidade do comezo.

Saúde i anarquía

5.15.2006

IV Concerto pola Lingua

Mañá, 16 de maio, arredor das sete da tarde, comeza o IV Concerto pola Lingua do Foro da Mocidade, no paseo central da Alameda de Compostela. Alí hei de estar eu. O concerto vaise gravar, co que haberá en breves por aquí mp3 (emepegues) fresquiños en directo, con algunha das pezas que toco e que inda están inéditas.

O cartel é:
Noise Project (Valga)
Brazukas (Brasil)
O Leo i Arremecághona!!! (Matamá)
Redullos (Compostela)
The homens (Compostela)
Loretta Martín (Compostela)

Tamén andamos en conversas para reeditar (virtualmente) Suspiros de Kaña, naturalmente con outro selo. Xa informaremos.

Mirámonos alá.

5.11.2006

Suspiros de Kaña. Vídeo

Este é o primeiro rexistro televisivo d'O Leo i Arremecághona!!!, no Que Serán!, un programa do Centro Territorial da TVE en Galicia que dirixía aló por 2000 Xosé Manuel Pereiro. Era un dos poucos redutos que lle quedaba ao rock en galego naqueles días de crise da explosión dos 90. Agora estase a vivir outra explosión que pide cámaras, luz e taquígrafos. Agardemos que non falten.


Eu sempre lembro esta actuación coma unha pedrada, igual ca a gravación do disco. Ningún deles acaba de dar unha idea de como é o directo, pero o audiovisual, que dúbida cabe, achégaselle máis.

Hai outra sorpresa destas para o día das letras.

Aquí tendes a letra e a música desta peza, Suspiros de Kaña.

Ghoçádeo!

5.01.2006

Rock do Mosteiro

O día 6 do mes que entra, maio, toco no festival Rock do Mosteiro de Oia, xunto cunha selección ben xeitosa de bandas punks do sur e centro de Galiza:

O tema comeza ás 19:00 h, pois, do sábado que vén. Nunca toquei en Oia, a pesar de me coller ben preto da casa matriz, e este é un festival caralludo para empezar. O concerto vai ser ao pé do mosteiro cisterciense de Oia, que é unico en Europa. Fronte ao mar.
Se o tempo que me deixen dá para iso, estrearei a miña versión bilingüe-harmonica do Should I Stay dos Clash, que o outro día no Ambigú non puido ser. Lémbrovos que quedou para o venres/sexta feira, día 2 de xuño.

Vémonos alí (en Oia e/ou no Ambigú).