4.21.2008

Semana (de poesía) salvaxe

Fomos a Salamanca falar de como se levan a literatura e a música galega, e de como Duchamp era no comezo, e o punk o seu sempre. E Anxos Sumai foi para min cronista de excepción da explosión de todo isto na cidade en que nacín, Vigo. Tamén con Anxo o da angueira, en Gondomar, lembrei que son do Val Miñor, por onde meu pai me levou de tascas entre instalación e instalación de váteres e tubaxes. Logo caemos polo Ferrol de ferro e os patufos (de azul) desleigados non se comunicaron cos seus xefes, dous días seguidos, cando interromperon os recitais de Estevo Creus e do noso vocalista. Ao báter chantado na porta da praza de Recemil achegáronse tamén, sen interromper, pero si interruptorando, un neno de tres anos que non lle ten medo á merda e viña sorrindo e unha señora de 97 anos, Evangelina, chorando, que emocionada me deu as grazas e dende o venres non os podo tirar da cabeza a ambos os dous. Tiven a sorte irrepetible de compartir escenario, mantel e licores co poeta vivo en castelán, Carlos Oroza, que me dixo "lonxe es más allá que desde nunca" e "me gusta el cachondeo que te traes". Marcos Lorenzo, Estevo Creus, Karlotti, David González, Víctor Díez, Rubén Coca, Guillermo Ferrández, Raquel Ferrández, Maxi do Run Rum, Carlos Vilas, Dani mestre do son, o colectivo Fecal a través dun dos seus membros que me abriu os ollos, coñecín tanta xente que te arrola no abrazo que xa nin sei como collen todos nunha vida, e máis que houbese. Para todos eles, o haicu de despedida e comezo que sempre me esquece recitar e postear:
Beizos
e
brazos