10.30.2006

Centro Social A Tiradoura 4 de novembro

Pois si, alí habemos estar a tocar. Un concerto que se cadra será xa presentación do novo disco. Xa falta pouco. A portada vaivos ser unha cousa así, pero moito máis sorprendente. A que xa pedides papas:


O da Tiradoura é en Cangas, sábado que vén, e digo eu que será aí pola noitiña, a partir das 22:30 ou así. Con todo, atentos á súa páxina: http://atiradoura.tk

Vémonos alá. Saúde e Anarquía.

10.23.2006

Non só de falta de bolos queda parado un blog

Pois si, malia o subtítulo deste blog, nunca pensei que algo máis ca a escaseza de cuchipandas me impedise actualizalo. Pero así foi. O choio, outros proxectos, etc. Cousas que moitas veces non deixan tempo para abrir nin o contrasinal de Blogger.


Así que imos facer unha listiña para nos pór ao día:
1. Gala de feche de Apologhit (que aínda non botaron e seguramente quede nun caixón porque disque é demasiado "friqui". E logo El Fary no Luar, ¿non?)
2. Celanova, no cabodano de Celso Emilio.
3. Garigolo, no monográfico de Celso Emilio da revista Arraianos, xunta o grandísimo García, de Dios ke te Crew, que musicou con bases de hip-hop xa dous poemas do celanovés.
4. No centro social A Formiga, na estrada de Redondela a Vigo, cun espectáculo novo de versións do Zeca Afonso e Voces Ceibes, como O Leio.
5. Na Centro Cultura do Castiñeiriño, tamén con temas do Zeca e Voces Ceibes, este sábado, aínda que suspendemos porque a chuvia disuadía un bastante e dos 35-50 de costume só viñeron 10. Queda para máis adiante ou para o Magosto, seica.
6. Konzerto de despedida de Puta Miseria.

E até aquí. A verdade é que me pon ben triste que PM se desfaga. Paseino quinindiola tocando con eles por aí adiante. Basicamente foron eles os que me sacaron da miña abulia para buscar concertos e tocar, cousa que non lles podo pagar.

Punk ou morte!